Friday 01 de November de 2024

O Concello avanza na restauración do patrimonio escultórico da cidade con dúas novas actuacións


Restaurarase a escultura ‘Polvo’ do Paseo Marítimo de San Pedro, obra do escultor Javier Padín Martínez

Tamén se actuará sobre o ‘Dragón’ do Parque Europa, autoría de Javier Meléndez ‘Urza’

O Concello da Coruña avanza na restauración dopatrimonio escultórico da cidade con dúas novas actuacións programadas antes de finais de ano. Os traballos enmárcanse na estratexia iniciada polo Goberno de Inés Rey no anterior mandato para a recuperación e mellora do patrimonio histórico-artístico da cidade, con máis de 20 actuacións patrimoniais postas en marcha o pasado ano.

O primeiro dos monumentos fixados para a súa restauración e limpeza é a escultura ‘Polvo’, no Paseo Marítimo de San Pedro, obra do arquitecto e escultor Javier Padín Martínez. O monumento data do 2004 e representa a forma dun gran polvo de cores engarzado ás barandas que delimitan o espazo peonil do paseo. Froito da súa posición ao aire libre, o monumento presenta algunhas pequenas patoloxías pola súa exposición á climatoloxía.

Tamén se actuará sobre o ‘Dragón’ do Parque Europa, autoría do madrileño escultor Javier Meléndez ‘Urza’, afincado en Galicia dende o 1988. Ao igual que a escultura ‘Polvo’, trátase dun monumento público feito en formigón teselado que representa un gran dragón de cores.

Data do 2003 e tamén, pola súa exposición á climatoloxía, presenta algúns desperfectos.
En ambos monumentos actuarase sobre os soportes para a súa limpeza e posteriormente reintegraranse elementos perdidos e descontinuidades. Para elo, aplicarase unha capa fina de cemento-cola flexible de altas prestacións e instalaranse os elemento de vitraico no caso do ‘Pulpo’ e Gresite no caso do ‘Dragón’.